viernes, 3 de mayo de 2013

As quince reportaxes que foron silenciadas en Cataluña

O Grupo de Xornalistas Ramon Barnils vén de presentar, un ano máis, o Anuari Média.cat de silencios mediáticos, unha iniciativa que recolle quince reportaxes sobre algunhas da cuestións más ocultadas polos medios durante o ano 2012 en Cataluña, entre as que destaca unha nova sobre as empresas con máis beneficios económicos e que, aínda así, aproveitan a última reforma laboral para levar a cabo diferentes expedientes de regulación de emprego (ERE).

Entre estas compañías atópanse Gas Natural, Caixabank ou Endesa, habituais protagonistas de noticias silenciadas durante moitos anos. É un exemplo máis dunha situación que o Anuari Média.cat leva tres anos denunciando. "En tempos de abundancia informativa e ritmo trepidante, o xornalismo ten o reto de achegar contidos de calidade para aquel lector que non ten dabondo coa rapidez e a superficialidade dotweet", destacan desde o Anuari, que pretende "volver ás orixes do xornalismo clásico, apostando polo slow journalism ou xornalismo repousado". Ese periodismo que "pasa por presentar contidos traballados, elaborados con tempo, con datos sistematizados e fontes plurais".

"En tempos de abundancia informativa e ritmo trepidante, o xornalismo ten o reto de achegar contidos de calidade"

Deste xeito están elaboradas as reportaxes que se inclúen no Anuari e que abordan diversas temáticas, algunha delas ben polémica e ben silenciada. A primeira delas, a xa referida, lembra que a metade das corenta empresas dos Països Catalans con máis beneficiosaproveitan a reforma laboral para levar a cabo despidos, malia os seus ingresos millonarios. Concretamente, uns beneficios de case 11.000 millóns de euros en 2010, en medio da crise.

Pero hai moito máis. Como esa información que revela que Deloitte triplicou os seus ingresos co Goberno de CiU desde que contratou a David Madí, ex asesor do actual presidente da Generalitat, Artur Mas. En concreto, a empresa auditora gañou contratos do Executivo catalán por valor de 41 millóns desde que incorporou a súa nova fichaxe.

Entre as reportaxes destaca o que revela que nove ministros franquistas fixeron carreira política e empresarial durante a democracia sen ser xulgados

Ademais, tamén se destacan os once mortos que tiveron lugar durante detencións ou en comisaríasdurante o ano 2012, a cifra máis alta na última década. Do mesmo xeito, o Anuari fai unha completa reportaxe sobre os nove ministros franquistas que sobreviven a Manuel Fraga e que fixeron carreira política e empresarial durante a democracia, sen que en ningún momento fosen xulgados.

Por outra banda, tamén se tratan os negocios quegrandes multinacionais catalás -ou con gran relación con Cataluña-, como Gas Natural, Roca ou Borges, teñen realizado durante anos en países árabes gobernados por réximes ditatoriais e que, malia o triunfo das primaveras árabes, continúan facendo. Ademais, noutra ampla información destácase a investigación da Fiscalía de Barcelona das altas retribucións de directivos da caixa de aforros Catalunya Caixa despois de ter comezado a recibir axudas públicas.

Os negocios de grandes multinacionais nas ditaduras árabes ou os 'favores' da Generalitat a Deloitte son outros dos temas silenciados

O Anuari inclúe casos tan escandalosos e estraños como o dos "doce millóns para a sede pantasma da Televisión de Mallorca". A desaparecida canle foi condenada por pagar por unha finca que nunca empregou e que no ano 2006 costou 2,5 millóns de euros. Entre estas reportaxes, tamén aparecen enormes contradicións como o feito de que mentres as axudas ás ONG van desaparecendo cos recortes, os gobernos español e catalán subvencionan con 3,5 millóns de euros proxectos de cooperación empresarial en países do Sur.

O proxecto denuncia tamén o aumento das denuncias por homofobia a través dun informe que advirte que entre 2010 e 2011 rexistráronse en Cataluña 376 casos de violencia contra a comunidade homosexual. Do mesmo xeito, destácase outro estudo no que se sitúa a Comunidade Valenciana no último posto da clasificación en canto aos servizos sociais.

Xa por último, o Anuari centra unha das súas amplas informacións na presión fiscal de Cataluña, unha das máis baixas de toda a Unión Europea, oito puntos por baixo da media; ou nas denuncias de Amnistía Internacional ou da Síndica de Greuges da cidade de Barcelona, que critican a vulneración dos dereitos humanos nos desaloxos de solares e fábricas desocupadas. Tamén que as Nacións Unidas sinalen o porto de Valencia como unha das rutas máis importanets do narcotráfico.

No hay comentarios:

Publicar un comentario