domingo, 21 de abril de 2013

Milleiros de afectad@s polas preferentes exixen en Vigo a demisión do ministro De Guindos


Plataformas de persoas afectadas pola estafa das participacións preferentes e subordinadas, de toda a xeografía galega, confluíron esta mañá nunha manifestación que percorreu as rúas de Vigo. Na marcha, cunha estética multicolor polas camisolas que identifican as diversas plataformas, foron constantes as consignas en contra das quitas e no reclamo da “total devolución” dos aforros secuestrados por estes produtos financeiros de alta toxicidade. “Nin quita, nin accións, total devolución” foi a palabra de orde predominante durante a manifestación, que foi como é habitual nas súas convocatorias moi ruidosa, con asubíos e pitadas constantes.


A mobilización secundada por milleiros de persoas (12.000 segundo os convocantes) contou coa participación de representantes políticos, sociais e sindicais, como o portavoz parlamentar do PSdeG, Abel Losada, a deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila ou o secretario comarcal da CIG, Serafín Otero, entre outros.

No manifesto, ao que deu lectura unha voceira da plataforma de Vigo e Val Miñor, denunciaron seren  vítimas dun  “enorme engano”. Botando man da popular fábula das formigas e as cigarras, identificaron con estas últimas aos banqueiros e tamén aos responsábeis políticas, facendo referencia expresa a “Feijóo e De Guindos”. Aliás, o manifesto facía un chamado á veciñanza a se sumar e apoiar a súa loita afirmando que “é hora de que as formigas deixemos de sentirnos pequenas, é hora de unirnos todas para botarmos abaixo esta grande estafa”.

Noticia completa: http://www.sermosgaliza.com/artigo/social/milleiros-de-afectad-s-polas-preferentes-exixen-en-vigo-a-demision-do-ministro-luis-de-guindos/20130420144605013934.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario