lunes, 1 de abril de 2013

'El País' publica imaxes da "estreita amizade" de Feijóo co contrabandista Marcial Dorado, hoxe encarcerado



Era de madrugada cando polas redes sociais comezou a se mover o adianto da capa coa que o diario español El País sairía este domingo aos quiosques: unha fotografía do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, agarrado ao volante do barco dun histórico contrabandista, Marcial Dorado, daquela capo do tabaco e hoxe encarcerado por narcotráfico.

Segundo a versión do xornal, houbo unha xuntanza previa con Feijóo en que este ofreceu a súa versión dos feitos.
Malia todo, tamén de madrugada ficou xa estaba pendurado no portal web do PPdG un comunicado asinado polo titular do Goberno galego en que sinala que descoñecía a actividade delituosa do seu acompañante de embarcación.


Naquela altura, Dorado fora prendido xa en dúas ocasións, en 1983 e en 1990, noutras tantas operacións contra o negocio ilegal do tabaco. A imaxe publicada é de 1995. Anos despois da súa relación co mandatario galego foi detido por narcotráfico e cumpre unha condena de 14 anos de cárcere.

Segundo o relato que ofrece o xornal de Prisa, cando Feijóo coñeceu o contrabandista tiña 34 anos e era o número dous da consellaría de Sanidade, ocupada por José Manuel Romay Beccaría na Xunta que presidía Fraga Iribarne. Feijóo marchou a Madrid un tempo, mais a amizade co narco mantívose e cando voltou a Galiza para dirixir o Insalud o testaferro de Dorado, Manuel Cruz, chófer na Xunta, levou o actual presidente do PPdG e do Goberno galego en repetidas ocasións á mansión que o contrabandista posuía na Illa de Arousa.

Entre 1995 e 1998 Feijóo visitou outras propiedades de Dorado e chegou a navegar a bordo do seu iate insignia, o 'Oratus', que foi intervido anos máis tarde nunha operación contra o blanqueo de diñeiro. O narco prendérono en outubro de 2003 en relación cun cargamento de seis toneladas de cocaína.

Noticia completa: http://www.sermosgaliza.com/artigo/galiza/-el-pais-publica-imaxes-da-estreita-amizade-de-feijoo-no-narcotraficante-marcial-dorado-hoxe-encarcerado/20130331102552013118.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario