martes, 16 de abril de 2013

A CIG tamén convoca folga no ensino o 9 de maio


Haberá unidade. A CIG tamén convoca folga no ensino o 9 de maio e a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público adoptará probablemente a mesma decisión nunha xuntanza que terá lugar esta tarde, polo que a convocatoria que a pasada semana anunciaban CC.OO., UGT e a Plataforma en Defensa do Ensino Público contará co apoio de todos os sindicatos de profesorado e estudantado de Galicia e das asociacións de nais e pais.


Louzao denunciou tamén a xestión de Jesús Vázquez á fronte de Educación, "un conselleiro que actúa como un militante disciplinado do PP e como un alumno aplicado das súas políticas", dixo

Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, salientou a necesidade de que haxa un "total e rotundo éxito" da folga en contra do anteproxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa e sinalou que o sindicato vén realizando unha actividade moi intensa de información e mobilización contra a LOMCE, con asembleas e peches por toda Galicia e coa recollida de máis de dez mil sinaturas. Lembrou que xa en decembro a CIG "deixou claro que ou ben se retiraba este anteproxecto de lei ou non habería máis remedio que convocar unha folga". Louzao denunciou tamén a xestión de Jesús Vázquez á fronte de Educación, "un conselleiro que actúa como un militante disciplinado do PP e como un alumno aplicado das súas políticas", dixo.

O proxecto do ministro Wert está "impregnado dunha visión ideolóxica neoliberal e tamén españolista que invade as competencias da nosa autonomía e que chama á insubmisión ao ensino na nosa lingua"

Louzao enumerou as moitas razóns que levan o sindicato a posicionarse en contra do proxecto do ministro Wert, "impregnado dunha visión ideolóxica neoliberal e tamén españolista que invade as competencias da nosa autonomía e que chama á insubmisión ao ensino na nosa lingua". Un proxecto de lei, ademais, "completamente confesional, que reforza a materia de Relixión e que recolle a visión ideolóxica da Conferencia Episcopal" e que tamén "está ao servizo da patronal do ensino privado-concertado, pois traslada a súa mercantilista do ensino chegando a dar rango de lei a aqueles centros que segregan o alumnado por cuestión de xénero".

Noticia completa: http://praza.com/movementos-sociais/4151/a-cig-tamen-convoca-folga-no-ensino-o-9-de-maio/

No hay comentarios:

Publicar un comentario