martes, 5 de febrero de 2013

Quen non acate as normas da presidenta verá os plenos do Parlamento nunha pantalla

Que é a "dignidade" do Parlamento e como se preserva? Este é un dos interrogantes que podería resumir o abordado este martes na Xunta de Portavoces do Parlamento. Os grupos parlamentarios da oposición agardaban que a presidenta, Pilar Rojo, acudise á xuntanza cunha proposta escrita sobre como regular o acceso da cidadanía ás sesións plenarias, toda vez que a propia xefa do lexislativo decidiu hai dúas semanas arrogarse en exclusiva a potestade de decidir quen entra e quen non. PSdeG, AGE e BNG non atoparon ningunha iniciativa plasmada no papel, pero verbalmente si coñeceron as liñas mestras dos plans de Rojo. Esencialmente, a conservadora cede un chisco nas restricións pero agrega novas precaucións. Como os grupos non se "responsabilizan" dos seus convidados, cada persoa que vaia a unha sesión plenaria terá que responsabilizarse de si mesma. E por escrito.

Sen comunicación oficial do propio Parlamento os xornalistas tiveron que compoñer o bosquexo da proposta presidencial baseándose no exposto polos voceiros da oposición e o do propio PP, Pedro Puy, quen por razóns obvias manexa unha versión máis precisa do asunto. "Á luz das conversas" mantidas nas pasadas semanas, explica Puy, Rojo valora "recuperar os acordos que xa tiñamos", isto é, que os grupos "trasladen listas de convidados" en cada pleno. Quen provoque incidentes e sexa expulsado "non volverá entrar no pleno" e ademais o grupo que o convidase terá prohibido realizar novos convites durante un tempo determinado -por exemplo, un período de sesións-.

A estas regras súmase "unha posibilidade que nos parece interesante", di Puy. Trátase "dun compromiso de autorresponsabilización por parte do propio convidado", que ao chegar ao Pazo do Hórreo asinaría un documento explicativo das normas que rexen as sesións -prohibición de realizar manifestacións orais dende a tribuna de convidados ou veto a amosar pancartas-. Se a persoa convidada "non asume" as "obrigas" non se lle prohibiría a entrada, pero "ofertaríaselle" non seguir o pleno "en directo", senón a través dunha pantalla instalada noutra dependencia do edificio.
Valoración da oposición

Coa cautela propia de quen non coñece a proposta máis que parcial e verbalmente, a oposición segue a amosar reservas a respecto da posición de Rojo. "Por suposto que queremos manter a orde no Parlamento, pero non imos aceptar un control político das visitas", resume o socialista Abel Losada quen ademais coida que as regras do xogo deben tamén estar rexidas pola "sensibilidade anet unha situación social, económica e laboral enormemente difícil". Neste sentido, Losada advirte de que "unha camisola ou unha pancarta non impide o normal desenvolvemento dun pleno", polo que non caben restricións e que despois "ao establishment do PP se lle encha a boca falando de abrir as portas do Parlamento" á cidadanía". Ademais, ao seu xuízo, "a dignidade do Parlamento tamén se cultiva doutra maneira" como, por exemplo, non abusando do trámite de urxencia para aprobar leis, ilustra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario