domingo, 3 de febrero de 2013

Os papeis de Bárcenas sitúan Galicia entre os principais 'recadadores' para o PP nos noventa


El País publica este domingo integramente os coñecidos como papeis de Bárcenas, a suposta contabilidade en negro levada durante anos polo ex tesoureiro do Partido Popular. Nos adiantos que xa realizara este xornal xa se puidera ver que Galicia cobraba especial protagonismo como pagador, e que nas anotacións aparecían varios ingresos con orixe en Galicia e tamén en Pablo Crespo, durante anos secretario de organización do PPdeG. El País tamén destacara a coincidencia entre a contabilidade de entrada de Bárcenas e a de saída de Crespo -presente na documentación do caso Gürtel-, que avalaría a veracidade dos manuscritos de Bárcenas.


Revisando as anotacións do ex tesoureiro do PP podemos ver que a presenza de Galicia é moi importante, sobre todo a finais da década dos noventa, e sempre como pagador ou recadador para o partido. Eran tempos nos que a pesar de que xa José María Aznar era presidente do Goberno central, as redes de poder en moitas comunidades autónomas aínda non estaban consolidadas. Pero non era o caso de Galicia, con gobernos populares dende comezos dos oitenta, e supostamente principal pagadora até o ano 2000.

A primeira anotación galega corresponde ao 8 de xaneiro de 1997 (tres millóns de pesetas). A seguinte é do 28 de febreiro de 1997 (1.992.200 pesetas) e este mesmo ano, o 24 de abril, hai outra de Galicia (O.C.) de tres millóns. Galicia (O.C.) repite como pagador o 16 de decembro de 1997 con outros tres millóns. E Galicia (O.C.) realiza outros dous ingresos de tres millóns en febreiro e maio de 1998. No documento tamén figuran outras dúas referencias a Pablo Crespo. Unha o xa comentado ingreso de 21 millóns de pesetas en maio de 1999. E hai outra chamada Copa Crespo en xullo de 2000 de 5 millóns de pesetas. En total os ingresos procedentes de Galicia entre 1997 e 1998 suman 115 mil euros. E os de Pablo Crespo entre 1999 e 2000 chegan aos 126 mil.

Noticia completa: http://praza.com/politica/3490/os-papeis-de-barcenas-situan-galicia-entre-os-principais-recadadores-para-o-pp-nos-noventa/

No hay comentarios:

Publicar un comentario