jueves, 7 de febrero de 2013

Investigadores da USC baten a marca mundial en capacidade de transmisión de datos


O Grupo de Óptica Integrada, Fibras Ópticas e Metroloxía Óptica do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela colaborou con NEC Laboratories America Inc., Corning Inc. e a Universidade de Princeton no desenvolvemento dun experimento no que se conseguiu unha velocidade de transmisión de 1.05Pbit/s, acadándose así un récord mundial de transmisión por fibra óptica.
Os resultados fixéronse públicos no congreso internacional 2012 Frontiers in Optics/Laser Science XXVIII celebrado o pasado outubro en Nova York como postdealine paper do que son coautores os investigadores da USC Carlos Montero, Xesús Prieto, Vicente Moreno e Jesús Liñares.

A investigación é a culminación doutro traballo previo, da mesma coautoría que o anteriormente citado, sobre multiplexación modal espacial realizado por un grupo internacional de Universidades (USC, Hong Kong Polytechnic University, University of South Wales e University of Central Florida) e centros de investigación (NEC Labs America e Corning Inc.) e cuxos resultados publicáronse na revista internacional Optics Express (vol.20, pp2668, 2012). O estudo foi considerado pola revista Laser Focus World (vol.48, Issue 12) como unha das vinte mellores innovacións fotónicas do ano 2012 polo seu futuro impacto nas comunicacións ópticas.

En todos estes traballos os investigadores da USC desenvolveron varios elementos ópticos clave dos prototipos de multiplexación espacial e amplificación modal, dous subsistemas estratéxicos no sistema optoelectrónico completo que implementou o experimento.

Noticia orixinal: http://praza.com/ciencia-e-tecnoloxia/3537/investigadores-da-usc-baten-a-marca-mundial-en-capacidade-de-transmision-de-datos/

No hay comentarios:

Publicar un comentario