martes, 12 de febrero de 2013

Fomento podería destruír valiosos restos arqueolóxicos en Lugo


A autoestrada Lugo-Compostela podería levarse por diante un anaco da nosa historia. As obras ao seu paso pola parroquia de Coestes (Lugo) deron en 2011 cun túmulo duns 60 metros, o de maior tamaño da península. Vari@s arqueólog@s puxeron de manifesto a súa preocupación após que malia a importancia do achado as obras continúen e a Dirección Xeral de Patrimonio non faga público o seu informe ao respecto.

"Os restos son importantes", sinala en conversa telefónica Xabier Moure, unha das persoas que denunciou o caso no seu blogue, "contan con varias estruturas formadas por muros interiores e exteriores e unhas foxas con fragmentos cerámicos e unha conta de colar de procedencia púnica, e cuxa datación, á espera das conclusións definitivas dos arqueólogos de Patrimonio en Lugo, pode situarse entre finais da Idade do Bronce e inicios da Idade do Ferro".
Polo de agora as únicas declaracións de Gonzalo Meijide, arqueólogo da Dirección Xeral de Patrimonio en Lugo, realizounas ao portal Culturagalega.org. Nelas confirmaba a Manuel Gago que "o lugar é moi novidoso no contexto galego e peninsular" e deixaba a idea de que as obras de Fomento afectarían a unha parte do xacemento.
Outro arqueólogo, Rafa Quintiá, afirmou a Sermos Galiza que casos como este acontecen moito polo sistema actual vixente cando se realizan grandes obras públicas. "A subcontrata conta cunha empresa privada que realiza as prospeccións cando hai sinais dun xacementos e ás veces cando xa pasou a maquinaria por riba", asegura. No caso de Coestes coincide con outr@s investigador@s en que o xacemento arqueolóxico é "un caso excepcional, cando lin a descrición do posíbel túmulo viñéronme á cabeza moitos do túmulos británicos e irlandeses co mesmo tipo de elementos".



No hay comentarios:

Publicar un comentario