sábado, 9 de febrero de 2013

Despide a todos os seus traballadores por ir á folga, que cualifica de ilegal


O dono de Electricidade Carlos, ubicada en Ordes, despediu todos os traballadores da empresa por ir á folga. O empresario alega que se ausentaron do seu posto de traballo, posto que a folga, considera, é ilegal. Desde a CIG-Metal negan rotundamente que a folga fose ilegal, posto que a convocatoria "foi presentada no tempo e forma que marca a normativa vixente". Os únicos que non recibiron a carta de despedimento foron os cinco empregados que nestes momentos se atopan no expediente de regulación temporal.


O delegado de persoal da CIG, Ovidio Castenda, xa adiantou que o persoal afectado vai recorrer a decisión do empresario co obxectivo de que se recoñeza a improcedencia do despedimento. “Cremos que esta é unha medida de presión para intimidar aos traballadores/as e que nega o noso dereito á ir á folga”, valoraba Castenda, quen entende que con esta medida o empresario tamén quere evitar as mobilizacións do persoal e a visualización pública deste conflito.

Protesta

Os traballadores de Electricidade Carlos iniciaron unha folga o pasado 28 de xaneiro en demanda do cobro das débedas salariais que a empresa mantén con eles, e que nalgúns casos ascende xa a máis de 11.000 euros.

Noticia completa: http://www.sermosgaliza.com/artigo/economia/despide-a-todos-os-seus-traballadores-por-ir-a-folga-que-califica-de-ilegal/20130207182152010802.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario