A deputada nacionalista considera que as medidas e actuacións do goberno do PP mostran que "nos enfrontamos a un estado neoliberal e despótico", un sistema "perverso" que precisa da "pobreza de moitos para garantir o sobreenrequecimento duns poucos". Davila acusou a Rajoy e os seus ministros de seren uns simples executores de "dictados" de mercados e organismos como o FMI, coas consecuencias que iso supuxo e supón para a poboación. Así, a nacionalista puxo como exemplo unha reforma laboral que "logrou os seis millóns de parad@s", e concluiu que desemprego e recortes amosan que o goberno español é "un activo tóxico para a cidadanía".
"Non sacralice unha Constitución que despois reforma á súa conveniencia cando se trata de défice. Reformémola, partindo da realidade plurinacional"
Defensa dos sectores produtivos de Galiza
Na súa intervención, limitada a non máis de cinco minutos, Olaia Fernández centrouse en expor a situación que atravesan sectores fulcrais para Galiza como o naval ou a pesca. A respeito do primeiro, a portavoz do BNG citou os incumprimentos dos executivos do PP en Madrid e San Caetano, desde Pemex e o dique flotante ao financiamento para o 'Tax lease'.
No que atinxe á pesca, Davila denunciou que malia ser Galiza toda unha potencia europea, o papel do goberno español foi de desleixo e abandono, sen defender a este sector ante a UE, de aí que Bruxelas aplicase políticas nocivas para este sector, como o recorte nas cotas de pesca.
Fernández Davila levou ao debate do Estado o que acontece co naval, coa pesca, cos estafados polas preferentes ou o ERE en Novagalicia Banco
Mais a deputada tamén falou no hemiciclo español do calote das preferentes, que afecta a perto de 95.000 galeg@s, aliás o ERE de Novagalicia Banco, "co despedimento de centos de traballadores".
Soberanía para Galiza
E na intervención no Congreso español, Davila emprazou ao goberno español a permitir unha reforma da Constitución, unha reforma, sinalou a deputada, na que "se parta da realidade plurinacional" e o "recoñecemento da soberanía das nacións" en referencia a Galiza, Euskal Herria e Catalunya.
"Señor Rajoy, non sacralice unha Constitución que despois reforman á súa conveniencia cando se trata do défice".
Réplica de Rajoy: "Aprobamos a Lei de Costas, que é boa para Galiza"
Na súa quenda de réplica, Mariano Rajoy empezou cun clásico: Criticar que o BNG "se arrogue" a representación de Galiza, sinalando que o PP ten máis votos no país que a fronte nacionalista. Rajoy reprochou a Davila que a intervención da protavoz nacionalista fose "unha enmenda á totalidade da política económica deste goberno" e dixo que o seu executivo si que traballa "polo naval e a pesca. E polo leite".
Mesmo á hora de citar medidas aprobadas polo goberno español beneficiosas para Galiza citou a Lei de Costas. No que atinxe á reforma da Constitución, o presidente español díxolle a Fernández Davila que esa cuestión non era a que preocupaba á cidadanía. "Pero se vostedes cren que iso vai crear traballo, pidan a reforma".
No hay comentarios:
Publicar un comentario