viernes, 18 de enero de 2013

Vicepresidencia da Deputación chama aos lucenses a manifestarse o domingo 27 en Santiago a prol do galego nas escolas


A Vicepresidencia da Deputación de Lugo convida a toda a sociedade lucense a participar na mobilización organizada pola plataforma Queremos Galego convocada, para o vindeiro domingo 27 de xaneiro, en Santiago de Compostela, na defensa do galego nas escolas.


Antonio Veiga, vicepresidente da institución provincial, pide unha asistencia masiva a esta manifestación “para amosar o rexeitamento ao decreto plurilingüista da Xunta de Galiza e ao proxecto de lei de educación e ordenación universitaria do ministro Wert en canto ambas normas atacan directamente ao galego, lingua que nos diferenza e, ao mesmo tempo, nos caracteriza como pobo, e procuran unha educación elitista e sectaria”.

“Dende a chegada do presidente Feijóo ao Goberno galego -conitnúa Veiga- a Xunta abdicou das súas competencias na defensa do idioma e da cultura do país, convertendo a lingua nun motivo de conflito, até o punto de que existen seis sentenzas xudiciais que declaran a ilegalidade do núcleo do decreto do plurilingüismo”. Neste senso, reclama ao Partido Popular que “retome a senda do entendemento e volva á liña do consenso lingüístico que nunca debeu abandonar, a mesma que durante décadas propiciou a súa formación política”.

Dende a Vicepresidencia da Deputación lucense insístese en que os rapaces e rapazas do país deben poder desenvolver as súas competencias no seu idioma e en que, polo tanto, o galego debe estar presente en todas as etapas educativas para o cal so hai un camiño que é a derrogación do decreto; aseguran, tamén, que "mentres Feijóo non crea en Galiza, nas súas potencialidades, na súa historia, na súa lingua e na súa cultura, non poderá traballar a favor do desenvolvemento económico e social do país”.

Noticia completa: http://v1deputacionlugo.org/novas.php?id=899&idioma=gl&sec=96

No hay comentarios:

Publicar un comentario