miércoles, 16 de enero de 2013

Feijóo prepara o terreo para que o Estado poida intervir as contas de Galicia

Vinte e cinco de abril de 2012. A oposición cuestiona o presidente da Xunta polo incremento das taxas universitarias e, en xeral, polas finanzas da comunidade autónoma e a xestión das competencias propias na materia. Nun ton sensiblemente airado Alberto Núñez Feijóo retruca que o mellor xeito de "garantir o autogoberno" é "manter unha comunidade autónoma que paga, manter unha comunidade autónoma solvente e non ser, en ningún caso, unha comunidade autónoma que poida ser intervida polo Goberno de España"."Galicia é a comunidade máis solvente" e por iso reclamáballe á daquela voceira do BNG, Ana Pontón, que "apoiase un goberno responsable que blinda non só os servizos públicos, senón que blinda o autogoberno de Galicia". Esa firmeza semella estar agora en cuestión, a xulgar polas verbas do propio líder popular.

Vinte e nove de agosto de 2012. Feijóo protagoniza en Ribeira un dos seus primeiros actos públicos tras facer público o adianto das eleccións ao 21 de outubro. A Generalitat de Catalunya viña de solicitar o acceso ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), isto é, viña e pedir o rescate financeiro por parte do Estado a cambio de ceder parte do control sobre a súa autonomía financeira. "Hoxe Galicia paga e Catalunya pide", sentenciou ante a prensa. "Galicia vai seguir sendo a comunidade máis solvente de España" e iso é "a maior garantía de autogoberno dunha administración". Galicia, explicaba, "nin pediu un euro dos primeiros 35.000 millóns que puxo á diposición o Ministerio de Economía nin agora necesita cartos para seguir traballando". En definitiva, resumía, "Galicia non vai ser rescatada".

Dezanove de outubro de 2012. Faltan dous días para as eleccións e Feijóo protagoniza un acto de campaña na Coruña. "Galicia é a comunidade máis autónoma de España", asegurou. Isto sucedía porque "non necesita as axudas do Goberno de España". E esta circunstancia producíase, entre outros aspectos, porque o seu Goberno "non gasta máis do que ten" e fixo "máis con menos", repetía. As premisas lanzadas neste acto da Coruña e en todos os anteriores comezan xa a mudar. O presidente segue a rexeitar nominalmente que Galicia vaia ser rescatada e séguese a erixir a si mesmo en referente da "anticipación" para evitar a intervención e a perda de autogoberno. Pero isto sucede só nominalmente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario