domingo, 27 de enero de 2013

Editorial: Soberanía, o principal tema do noso tempo


A aprobación da Declaración de Soberanía por parte do Parlament é un feito político dunha extraordinaria relevancia. Dá noticia da vontade de ser nación por parte da sociedade catalá. E o normal é que unha nación se dote dun Estado propio, como instrumento xurídico-político para exercer a súa soberanía. Que a tradución final do proceso sexa ou non a independencia é cuestión sobre a que só deben decidir, neste caso, as catalás e os cataláns.


Ben sabemos que nas condicións da globalización, un Estado formalmente independente (como o é o Estado español) pode non ser soberano, por ter renunciado de forma fáctica a se gobernar a si propio e por ter cedido parcelas de poder substantivas (a moeda, a defensa, mesmo o control do sistema financeiro) a institucións de carácter supranacional non suxeitas a ningunha caste de control democrático.

Así acontece hoxe coa relación dos Estados membros cunha Unión Europea que, e isto é cada vez é máis evidente, funciona na práctica como correlato do que fora en tempos o Reich alemán.

A necesaria unidade de acción

En todo o caso, a soberanía é hoxe o principal tema do noso tempo. Ou soberanía como poder popular ou mercadocracia. Esa é hoxe a dialéctica real que explica as tensións que convulsionan o funcionamento das sociedades occidentais. De como se resolver esa dialéctica vai depender a saída á actual crise do capitalismo e quen pagará as facturas. Polo de agora, quen as está a pagar é o 99 por cento da sociedade, mentres o 1 por cento d@s opulent@s vive no mellor dos mundos posíbeis.

Neste contexto é máis importante se cabe a unidade de acción dos soberanistas no Estado. Saudamos así o estreitamento de lazos do BNG coa esquerda abertzale, simbolizado esta semana nun acto que tivo como protagonistas o portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, e o secretario de Relacións Internacionais de EH Bildu, Niko Moreno.
Esa unidade -e, por suposto, a necesaria entente de nacionalistas, soberanistas e independentistas na propia Galiza- é conditio sine qua non para que a democracia se abra paso e os pobos podan gobernarse sen a inxerencia de poderes financeiros transnacionais non electos pola cidadanía.

Noticia completa: http://www.sermosgaliza.com/artigo/galiza/editorial-soberania-o-principal-tema-do-noso-tempo/20130126142345010094.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario