domingo, 27 de enero de 2013

Beiras desbota unha declaración de soberanía

"Queda instaurada a primeira república galega independente porque só desde a independencia pódese ser solidario. Desde o saber que somos, de onde vimos, só desde alí, pódese ser internacionalista e solidario... Hai que ir á independendencia no sentido propio da palabra". Son as palabras que Xosé Manuel Beiras pronunciaba o 15 de xullo de 2012 no acto de constitución de Anova Irmandade Nacionalista.



Era un discurso rupturista no que o veterano líder nacionalista repetía en varias ocasións a verba independencia. Unha verba que vai moito máis alá do termo "soberanía" e que tamén pronunciou varias veces en mítines durante a pasada campaña electoral. Sen embargo, seis meses despois, as prioridades políticas para Beiras e para Anova mudaron tras a súa alianza con EU.

Por iso, nunha entrevista na RG, o veterano político foi contundente sobre a posibilidade de presentar unha declaración de soberanía na Cámara galega, tal e como xa avanzou que podería facer o Bloque. "O que hai que contribuir a facer é a acrecentar o nivel de conciencia da identidade e dos dereitos como pobo dos galegos. Pero dar o salto de levar ao Parlamento galego unha declaración de soberanía cando temos un PP de maioría absoluta, e cun respaldo electoral que ninguén nega, pois iso pareceme quizais non suicido, pero un erro monumental", suliñou.

O líder de AGE insistiu en que as súas prioridades son agora a dinámica esquerda-dereita, é dicir, crear un amplo movemento social de esquerda, antes que a cuestión nacional de Galicia. "Nós dimos prioridade a esta pero sen saír do marco dunha posición nacionalista emancipadora, soberanista e emancipadora que foi asumida por EU", sinalou. "Non hai que poñer fronteiras coas forzas de esquerda que asumen o dereito á autodeterminación. Quen faga iso pensa en deseño político e non na realidade social".

No hay comentarios:

Publicar un comentario