viernes, 25 de enero de 2013

Allariz cobrará o IBI á igrexa após a sentenza favorábel do Xulgado de Ourense


O Xulgado do Contencioso administrativo nº2 de Ourense fallaba esta quinta feira a favor do Concello de Allariz a respecto do pagamento do IBI por parte da igrexa católica. A equipa municipal liderada polo nacionalista Francisco García, poderá cobrar o correspondente imposto a aqueles bens propiedade da igrexa que fican fóra dos supostos recollidos polo Concordato.


O alcalde alaricán amosouse "moi satisfeito" en declaracións a este medio, e asegurou que a sentenza do xulgado "avala a legalidade da actuación" levada a cabo polo Concello. "A igrexa debe pagar relixiosamente", ironizou García. E nunca mellor dito, o bispado deberá aboar a contía reclamada pola administración local por aquelas propiedades "iguais que as de calquera veciño", asegurou o rexedor.

O pleito entre o Concello e o bispado viña de lonxe. Após unha primeira reclamación do Imposto de Bens Inmóbeis (IBI), as autoridades relixiosas negáronse a pagar os recibos reclamados argüíndo que estes estaban suxeitos a unha exención alicerzada no devandito Concordato e na súa natureza de "entidade sen ánimo de lucro". Así pois, o bispado acudiu á Xunta de Goberno local e recorreu o cobro. Porén, tanto a Xunta coma agora a propia xustiza, fallaron a favor do Concello e "reafirmaron a seguridade xurídica existente na actuación" da equipa municipal.

Noticia completa: http://www.sermosgaliza.com/artigo/politica/allariz-cobrara-o-ibi-a-igrexa-apos-a-sentenza-favorabel-do-xulgado-de-ourense/20130125125536010022.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario