viernes, 28 de diciembre de 2012

Galicia perderá case 130.000 habitantes en dez anos


O país minguante. As proxeccións demográficas feitas públicas este xoves polo Instituto Galego de Estatística veñen prender por enésima vez todas as alertas poboacionais no país. De pouco serviron plans gobernamentais ou comisións parlamentarias para estudar o problema ou aplicar solucións. Isto é, cando menos, o que cabe deducir dos datos do IGE, os cales amosan que nos vindeiros dez anos Galicia vai perder case 130.000 habitantes. Nomeadamente, segundo estas estimacións, pasará dos actuais 2.728.903 de persoas a 2.599.659 no ano 2022, deixando polo camiño 129.244 habitantes.

Atendendo aos resultados por provincias, o IGE detalla que as atlánticas serán as máis afectadas polo descenso. Así, A Coruña terá 41.128 habitantes menos ao remate da década analizada e Pontevedra diminuirá en 31.374 persoas. Pola súa banda, en Ourense a caída poboacional será de 31.331 persoas e en Lugo o IGE estima que vivirán 25.410 persoas menos.

Noticia completa: http://praza.com/economia/3140/galicia-perdera-case-130000-habitantes-en-dez-anos/

No hay comentarios:

Publicar un comentario