sábado, 29 de diciembre de 2012

A Xunta merca un castelo con leiras por 5 millóns de euros

O Goberno galego pechou no último Consello da Xunta máis un acordo cunha entidade relixiosa, desta volta para a adquisición dun castelo, o de Pambre, situado en Palas de Rei e propiedade dos Irmáns misioneiros dos enfermos pobres. Tamén se mercaron as terras lindeiras.

Se ben o presidente Feijóo informou dun gasto de 3 millóns de euros, que sairían do peto da consellaría de Cultura, o certo é que a consellaría de Traballo porá 2 millóns máis para que a entidade relixiosa continúe coa "atención social" e reforma da fortaleza.

Así o sinala a referencia da referida xuntanza realizada na cuarta feira, con data do 27 de decembro, onde se acorda que se subscribirá o convenio "para o desenvolvemento das distintas actuacións necesarias para a adquisición do Castelo de Pambre, polo importe total de cinco millóns cento trinta e catro mil sesenta e oito euros con sesenta céntimos (5.134.068,60 euros)".

Di a Xunta que os Irmáns misioneiro desenvolven tarefas sociais na comarca de Palas e en Vigo, para alén de "dinamizar turisticamente o municipio de Palas de Rei e ofrecer aos peregrinos do Camiño de Santiago a posibilidade de coñecer a historia desta importante fortaleza medieval".

No hay comentarios:

Publicar un comentario