domingo, 25 de noviembre de 2012

Terrorismo machista, ou como torcer a cara diante dun problema político

Cando o barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas —CIS— di que o desemprego e o terrorismo son os dous problemas que máis preocupan e quen nese momento preside o goberno español comparte tales dores de cabeza "están a pensar en ETA".

A loita armada é o único tipo de terrorismo que recoñecen aínda agora, cando a organización anunciou o cesamento definitivo do fogo. Porén, polo conflito armado morreron 19 persoas cada ano, e as asasinadas polo machismo son, de media nese mesmo periodo, 60. "Son tres veces máis, e falamos unicamente das mortas.

Isto si que é terrorismo". Rosa Fontaíña fai parte da Rede de mulleres contra os malos tratos de Vigo. Atende, desde 1998, mulleres que denuncian situacións de violencia de xénero. Mais esta lacra non recibe resposta como o problema político que é, senón como un fenómeno illado, individual.

"Naturalizouse o maltrato e sufrimos un retroceso ideolóxico". Luísa González, do Observatorio da Mariña pola Igualdade, é avogada. Cando estudante, déuselle por analizar —e comprobar— como os estereotipos inclinaban a báscula da xustiza cara ao lado do privado, das discusións de parella. Eran sentenzas ditadas dos '90 para atrás. Houbo mudanzas, mais non tantas como anos pasaron.

Se tocan unha, tocan a todas
"Por que cando matan unha muller non nos botamos á rúa, como cando gaña o Celta?" Ao lle preguntar polos xuízos paralelos após sabermos doutra situación machista —como o cliché de se había ou non denuncia previa ou o caso da moza violada en Santiago en decembro, recollido nos media baixo o titular Saíu do pub polo seu propio pé e xunto ao seu agresor— pódelle a xenreira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario