domingo, 28 de octubre de 2012

Mulleres, labregas e "decididas a loitar"


Levan lustros, décadas traballando para sacar adiante as súas explotacións, soas ou en compaña, exercendo de labregas, gandeiras, administradoras, nais... E agora escoitan como os gobernos "falan, día si e día tamén, de débeda pública, prima de risco, recortes, políticas de axuste, rescates e adelgazamento da administración". Pero "por tras destas palabras" as mulleres do Sindicato Labrego Galego, reunidas esta fin de semana en Teo, non ven máis ca "políticas activas para traspasar o diñeiro públcio aos grandes grupos de poder que constitúen o capital financeiro". "Co pretexto de saír da crise" ven como os seus postos de traballo se "precarizan" de maneira "tremenda" mentres os prezos dos seus produtos non deixan de baixar. Pero elas están "decididas a loitar".

Así o manifestaron durante o encontro anual de mulleres celebrado no concello teense e, este domingo, nunha concentración simbólica ante o Parlamento de Galicia. As traballadoras do agro observan cada vez máis próximas situacións que crían afastadas, algunhas "nos anos 70", como a "obriga" de "decidir", en máis dunha ocasión, "se pagamos a Seguridade Social" ou "estudamos as fillas e os fillos" ou "facemos fronte a outras prioridades". A precariedade económica fai, ademais, que "planee" sobre elas "a pantasma da expulsión das labregas da Seguridade Social, co que conleva de perda de dereitos". Isto, explican, acontecen mentres "as nosas explotacións están ao bordo do abismo", cun "aumento da presión e da carga de traballo sobre as mulleres que nos enferma, até o punto de ver incrementada dunha maneira importante" o número de "enfermidades como a ansiedade ou as depresións".

Noticia completa: http://praza.com/movementos-sociais/2509/mulleres-labregas-e-decididas-a-loitar/

No hay comentarios:

Publicar un comentario